Para estas
vacacións de inverno propóñovos 3 proxectos para facer cos peques en casa, nos
que terán que traballar sobre todo, a expresión oral. Son propostas que sempre
funcionan moi ben e que lles gustan moito. Coma sempre non son propostas
obrigatorias pero penso que moi interesantes para eles/as.
SON EXPERTO/A
EN .... Teñen que preparar unha mini exposición oral (10 minutos máximo) no que
nos expliquen un tema no que sexan expertos. P.ex: son experta en patinaxe, en montar
Lego, Harry Potter, trucos de maxia, cromos de Gorjuss, bailar, en facer acrobacias....
Teñen que decidir que nos van contar, escribilo e practicalo coma se tivesen público.
Poden acompañar o que nos van dicir con fotos, vídeos ou o que eles consideren.
Poden levar un papeliño con anotacións ou facede con eles un Power Point, o que
queirades. O que sexa que vaian a amosar en formato dixital que o traian nun
pendrive o dia que lles toque. Ao
rematar haberá unha rolda de preguntas para o experto/a . Pode ser en galego ou castelán.
ENTREVISTO
A.... É un proxecto de vídeo no que a/o peque ten que entrevistar a algunha
persoa sobre a súa profesión, un deporte que practique ou un hobbi ou talento
interesante. Tendes que previamente preparar as preguntas con eles segundo sexa
a razón pola que quere entrevistalo/a. Necesitan dunha terceira persoa que esté
facendo o vídeo. Queda moi simpático se
levan un micrófono de xoguete. Traen o vídeo, o día que
lles toque, nun pendrive. En galego ou castelán.
UN ANIMAL QUE ME GUSTA É ... Teñen que preparar unha
charla sobre un animal que lles guste ou lles pareza interesante: porqué lle
gusta, que ten de especial, onde adoita vivir, que lle gusta comer, que
habilidades especiais ten, que os fai importantes para a natureza, como se reproducen,
cantas crías adoitan ter....dependendo de que animal sexa podemos enfatizar
unhas cousas ou outras. Teñen que escribir que van contarnos e poden apoiarse en
fotos, un Power point, un papel co texto escrito, o que consideredes vai
mellorar a charla e a atención do público, neste caso, os outros nenos/as de
clase. O que sexa que vaian a amosar en formato dixital que o traian nun pendrive
o dia que lles toque. Máximo 10 minutos.
Ten que practicalo a contar en casa antes de traelo á clase. Ao rematar tamén
haberá rolda de preguntas. Ten que ser en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario